Crónica de un gallego en la Antártida

0
521

Hai exactamente 12.429 quilómetros entre o semáforo da Pobra do Caramiñal e a estación de investigación antártica polaca Henryk Arctowski na illa do Rei Xurxo (arquipélago das Shetland do Sur) na Antártida. O que equivaleu este ano a unha viaxe de catro días (e houbo bastante sorte) saíndo da casa este pasado 8 xaneiro para chegar á Antártida o 12 de xaneiro. A verdade é que non é sinxelo chegar ata o continente máis frío, seco, desértico e inhóspito do planeta. Dende A Pobra, e pasando por Madrid, cruzamos o Atlántico e os inmensos Andes ata o val ao pé da mesma cordilleira no que se atopa a cidade de Santiago de Chile, e dende aquí voamos dirección sur ata a cidade máis austral do país: Punta Arenas, ubicada no estreito de Magalláns na Patagonia.

antartida
Así que cambiei o inverno do hemisferio norte polo verán do hemisferio sur; aínda que verán, o que se di verán, tampouco hai moito nestas latitudes: o vento sempre está soprando, e a paisaxe sureña xa amosa unha sensación inhóspita e salvaxe sempre varrida polos continuos refachos de aire ao redor da cidade de Punta Arenas, capital da Patagonia.
Vídeo de la llegada aquí.

O Tratado Antártico (1959) establece que o continente enteiro debe manterse libre de intereses xeopolíticos, militares e económicos, dedicándose por completo á ciencia, á investigación e á paz. As tarefas científicas aquí requiren dunha importante inversión loxística, tecnolóxica, técnica e de recursos humanos por parte dos países que están implicados en investigacións antárticas. As cidades de Ushuaia (Arxentina) e Punta Arenas (Chile) son o camiño máis curto para chegar, pero hai que cruzar un dos mares máis perigosos do planeta, o Paso de Drake, uns 900 quilómetros de mar sempre embravecido que separan Cabo de Hornos coas Shetland do Sur. Para os países americanos e europeos, este é o punto máis apropiado de acceso ao continente.

Na bodega dun avión militar

Este ano cincuenta científicos cruzamos o estreito na bodega dun avión militar Hércules das forzas aéreas chilenas (capaz de incluso aterrar en pistas xeadas) e aterramos no aeroporto da base chilena Frei. Nesta campaña

2017 estamos realizando un proxecto excepcional, con grupos de investigación chilenos e españois, traballando de forma coordinada e en simultáneo en diferentes localizacións antárticas as Universidades de Illes Balears, e de La Frontera e Concepción (Chile). Estudamos as mesmas especies de plantas para entender como cómo enfrontan o cambio climático e así poder estimar os efectos do quecemento global nos ecosistemas terrestres antárticos. O segundo obxectivo é estudar as plantas que están adaptadas ós ambientes máis extremos do mundo, e dende logo para sobrevivir na Antártida teñen que ser  cómo estas plantas, probablemente das máis resistentes do mundo, sobreviven nun ambiente de condicións estremas. Esta información podería ser moi interesante para nun futuro dirixir as estratexias de mellora dos cultivos.

Tocando terra xa na base chilena Escudero aínda tiñamos que chegar á nosa zona de experimentación localizada nos arredores da base antártica polaca, que se atopa tan só 25 km ao leste da base chilena, máis ou menos a distancia que hai entre Ribeira e Rianxo, só que con varios glaciares polo medio totalmente infranqueables.  Grazas ás boas condicións metereolóxicas, o noso grupo de 7 investigadores e media tonelada de equipamento científico puidemos facer o traxecto no buque Aquiles da Armada chilena saíndo ata o océano antártico.

Ás vistas non poden ser máis sobrecolledoras; paredóns de xeo milenario de centos de metros de altura acompáñannos na travesía, quen sabe se non foron fonte de inspiración de George R. R. Martin para o muro de xeo no seu Xogo de tronos. Aterramos en Arctowski. A tripulación polaca, as focas de Weddell e os pingüíns déronnos unha cálida benvida, pero non así o clima; cero grados de temperatura e o vento duns 30 km/h provocan unha sensación térmica de -13 grados neste verán antártico. Isto non é nada, fai dous anos houbo un temporal de verán no que se mediu rachas de 235 km/h… e non se saben as máximas xa que ese foi o último dato rexistrado antes de que toda a estación meteorolóxica saíra voando.

Este ano foi dos anos máis cálidos no planeta dende que hai rexistros, non sabemos aínda se isto pasou factura tamén na Antártida e as plantas que estudamos. Tampouco sabemos se das catro semanas que estaremos aquí poderemos facer o que temos planificado: porque isto é a Antártida, e agora comeza o traballo.

Xurxo Gago é un investigador na Arctowski Polish Antarctic Station (King George Island, Antártida).

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here